Friday 03 de May de 2024

O pregón de Quico Cadaval marca o inicio de catro días de Feira do Libro en Riveira


Co pregón inaugural de Quico Cadaval abriu esta mañá a segunda edición da Feira do Libro de Riveira: un evento situado na praza do Concello que se desenvolverá entre hoxe e este domingo.

O vicepresidente da Federación Galega de Libreiros de Galicia, Xosé Antón Pedreira, ofreceu as palabras introdutorias antes do extenso pregón no que o artista riveirense realizou co seu fondo sentido do humor evocacións ás súas experiencias da infancia, sempre co libro como protagonista.

Acompañábaos o alcalde Manuel Ruiz, a edil de Cultura Fabiola García, o xefe territorial de Cultura da Xunta Manuel Varela e a vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín. Tamén, as notas musicais do grupo Tahume de Olveira, que pechou o acto co himno galego.

A feira conta coa participación de seis librerías (dous máis que o ano pasado) chegadas de A Estrada, Santiago, Vigo e A Pobra, unha área infantil e un amplo programa de actividades complementarias (obradoiros, contacontos, presentacións literarias…).

Quen se pase polo evento beneficiarase do 10% de desconto nos libros que merque.